O colectivo de familias do IES María Casares, representados pola Anpa Os Pazos e de acordo co resto da comunidade educativa do instituto, despois da adxudicación dun só especialista PT para o centro neste curso académico 2021-2022, solicita á
Administración Educativa o nomeamento de máis especialistas PT debido á alta taxa de alumnado con necesidades especiais (NEE) e de necesidades de apoio educativo (NEAE).
Neste curso están matriculados 587 alumnas e alumnos. Do total do alumnado, 10 alumnas e alumnos presentan NEE, e outros 24 presentas distintas NEAE.
O pasado curso académico, o centro contaba con dous profesores de pedagoxía terapéutica (PT), o que xa era moi xusto para as necesidades do instituto; pero no actual, aínda que se incrementou o alumnado que require atención por parte do profesorado PT, a contratacións de estes especialistas reduciuse á metade, e só contamos cunha profesora con este perfil.
A situación actual é insostible: o alumnado con NEE non está a recibir a atención axeitada, e os rapaces e rapazas con NEAE non están a ser atendidos por profesorado especializado; e tampouco o resto do alumnado está a recibir a atención adecuada, dado que sen o apoio de especialistas en varios destes casos, a situación nas aulas vólvese moi complicada: dificultades do profesorado para dar clase, retrasos nos contidos, etc.
Por todo isto, solicitamos o nomeamento de máis profesorado PT, na maior brevidade posible, para o centro.
De non tomarse con urxencia as medidas oportunas, esta ANPA levará a cabo as mobilizacións que sexan precisas para garantir o benestar do alumnado do noso Centro.
A Xunta Directiva
ANPA Os Pazos IES Maria Casares